Precarias percorre os barrios do Calvario e Canadelo para denunciar a especulación

Continuamos polo contorno das rúas Vizacaia e Asturias onde conviven desordenadamente vivendas dos anos 20, do desarrollismo dos anos 60 e 70 e de nova construción, así ata chegar á Travesía de Vigo que atravesamos para chegar á rúa Pino e dende alí ao nudo de Isaac Peral no que se pode observar a fenda que a AP-9 e as vías do tren fixeron no barrio de Canadelo.

Ata eses momento o percorrido estaba cheo de espazos onde se podía dende ver a ría, a atopar unha pequena horta entre edificios ou calquera outra sorpresa.

Logo para finalizar chegamos a Canadelo baixo e cruzamos por enriba das vías do tren e da AP-9 para retornar ao edificio Bandeira a camiñando polo entorno de Fátima.

A penúltima parada foi nas obras do parking de Jenaro de la Fuente onde aproveitamos para denunciar o modelo de cidade proposto pola clase política viguesa.

E pechamos o percorrido regresando ao punto de partida pola 3ª travesía de Numancia, que amosa os efectos da urbanización nos anos 90 de Jenaro de la Fuente sobre unha zona de vivendas unifamiliares, que parecen agardar pola chegada do cemento como único xeito de recuperar a zona.

Deixamos tamén o guión lido no percorrido do roteiro:

- BODEGAS BANDEIRA: Derradeiro exemplo de arquitectura industrial nun barrio de natureza proletaria, sobreviviu no tempo a outras industrias de sona como a de folla de lata na rúa Sagunto caracterizada polo seu estilo racionalista. Bodegas Bandeira foi construída a finais da década dos trinta do século pasado por mediación do empresario portugués Joaquim Bandeira Pires, daquela producía Zinzano e viño de O Porto.

Dende 1982 tanto a infraestrutura como a produción trasládanse ao concello de O Porriño até o seu peche definitivo a finais da década. Para 1986 o edificio está en completo abandono. No obstante os planes de recalificación da familia Bandeira o edificio é catalogado a conservar grazas ao Plan Especial de Protección de Edificios, Conxuntos e Elementos a Conservar en 1990. Pero en 2004 presentouse un proxecto para a construción dunha grande área comercial cun total de 1300 metros cadrados repartidos entre un Hipercor, salas de cine e un estacionamento para automóbiles. Todo isto de costas aos propios veciños mais interesados en darlle un uso sociocultural que revitalizase o espazo en concreto e o barrio en xeral.

A promotora da obra é Iglepor, de sobra coñecida en concellos de grande afluencia turística como Nigrán ou Baiona. O susodito grupo Iglepor está formado a súa vez por unha trintena de pequenas empresas do sector da construción (forxado, eléctricas, fontanería, aluminio, etc) asentadas ao longo da sur da provincia de Pontevedra. Na primavera deste ano Iglepor saltou á palestra por un escándalo relacionado cun asunto de drogas grazas á detención do seu xerente Carlos Rocha Portela testaferro do narcotaficante Juan Carlos González Martín alias “Culebra”.

- RÚAS VIZCAIA E NUMANCIA: Podemos observar o conxunto arquitectónico definido por edificios de dous ou como máximo tres andares, a maior parte deles da década dos 50 construídos sempre en pedra, pero atopamos edificacións anteriores, dos anos 30 incluso, pero son as menos. A escusa para que estean en tan mal estado é o escaso valor arquitectónico das vivendas segundo a opinión dos especialistas, razón que valería por exemplo para un edificio ubicado á man dereita que racha completamente coa uniformidade do entorno.

Cómpre deterse un momento á altura da 4ª Travesía de Numancia para ollar un descampado, memoria do que foi o barrio en tempos non moi lonxanos estas rúas. Tamén queremos insistir que existen outras travesías, agora abandonadas a súa sorte, camiños comúns que daban a vivendas hoxe empregadas por persoas empobrecidas para actividades ditas ilegais (durmir, picarse, etc).

- TRAVESÍA DE VIGO, RÚA PINO E SAN LORENZO: A Travesía racha violentamente coa idea de barrio da que estamos a falar para abrir unha cicatriz na cidade definida polo desorbitado número de colmeas humanas, o hacinamento das persoas e á polución motivada polo intenso tráfico motorizado.

A parte alta da rúa do Pino ven definida polo feismo propio dos edificios dos anos 70/80 do século pasado –en plena era dourada do desarrollismo no barrio- pero sobre todo pola Igrexa de Fátima, mamotreto inútil só comparable a un hospital de igual nome en mans privadas.

No cruce entre as rúas O Pino/Levante/Párroco José Otero existe un edificio que debería ser motivo de escándalo se o comparamos co que está ao seu carón, adefesio onde os haxa, e modelo do que non se debe facer en materia de vivenda.

Un pouco mais abaixo atopamos un descampado, un “mirador” á Ría agora limpo e debrozado polas brigadillas do Concello. Seguindo a pendente noutra Travesía –das tantas que existen por estas rúas- existe unha sorpresa agochada ás miradas curiosas, casiñas con hortas que dan fe dun barrio extinguido hai non moito.

No cruce entre O Pino/Numancia baixamos cara San Lorenzo, pero antes facemos unha pequena parada para mirar no interior dunha casa abandonada a súa sorte que nos permite facernos unha lixeira idea de cómo eran as vivendas en San Lorenzo antes da súa destrución.

San Lorenzo é o mellor exemplo en todo Vigo para entender cómo as infraestruturas viarias (nudo de Isaac Peral, camiños de ferro e autopista AP-9) poden estragar formas de vida, saberes e comunidades humanas en nome do progreso capitalista. O efectos son obvios a simples vista (polución acústica e ambiental, inseguridade peonil, sucidade, etc) aos que se suman os continuos aterramentos para uso exclusivo do transporte marítimo en Guixar, peirao que en tempos da II República acollía boa parte da flota de “vapores besugueros” de Vigo.

- CANADELO BAIXO E ALTO: Antes de acceder cara Canadelo podemos disfrutar dunha magnífica panóramica da Ría, en sentido negativo. Á vista están os silos da cementeira Tudela-Veguín, a chatarra e os containers, negando mais unha vez a viabilidade do proxecto intitulado “Abrir Vigo al mar”.

Canadelo baixo fica en parte oculta da trama urbana, feito que lle permitiu manter durante estes anos características propias, casas antigas con hortas que aínda se cultivan. Chama a atención unha vivenda semellante a un torreón onde a simples vista se apreza un reloxo de sol que nos fai viaxar no tempo cun pouco de imaxinación. En certa maneira esta parte de Canadelo conforma un interregno atravesado pola AP-9, ao punto de ser devorado pola mesma. Os muros de contención da autopista son a mellor fotografía posible.

O paso entre Canadelo baixo e alto é un escenario perfecto para comprender os males do progreso e as formas nas que se manifesta. Unha ponte en estado calamitoso atravesa primeiro a autopista para despois sobrevoar as vías da estación de RENFE, dando unha idea da devastación que supuxeron ambas obras para a vida e a economía das xentes aveciñadas aquí. Outra panorámica, agora non só da Ría senón tamén de parte da cidade, permite ollar detidamente o caos urbanístico en que se convertiu Vigo pero tamén a outra parte da ría por imitación: O Morrazo. Aí están as torres do Clube Financiero, as torres de Padín ou o abigarrado tecido urbano sen rastro de espazos libres por ningures.

Chegando a Canadelo alto chama a atención un túnel que vai dar á parte traseira do Hospital de Fátima, acaso mais propio de calquera película de terror ou non que dunha urbe moderna. Na subida até O Pino resalta o contraste entre os edificios novos, case todos idénticos na súa fealdade e amoreados ao chou, e os restos das vivendas unifamiliares que se resisten a ser devoradas pola especulación sen deixar memoria da súa presenza. Para chegar a Jenaro de la Fuente hai que pasar pola rúa do Rosario, un antigo camiño entre campos convertido agora nun funil sen beirarrúas, sen luz, húmido e suxo.

- RÚA JENARO DE LA FUENTE: Dende a rúa do Rosario temos unha magnífica vista de Jenaro e o primeiro tramo da Travesía de Vigo, agora en obras para un futuro estacionamento subterráneo –un dos cinco en marcha en toda a cidade-. O reordenamento urbano da zona, camuflado baixo o nome de humanización pretende privatizar o solo ben en superficie ben baixo terra, tal como se recolle no PXOM. Revitalizar a economía pasa por revitalizar a construción sexa ao prezo que sexa. Como se pode comprobar toda a zona está sometida a un intenso tráfico rodado, elemento común a todas ás rúas percorridas ao longo deste roteiro e un dos grandes males da cidade. Nada indica futuras solucións para este problema, pola contra constatamos un repunte dos atascos, ruídos e carreiras ademais doutros malos hábitos propios dos condutores.

- 3ª TRAVESÍA DE NUMANCIA: Para ir finalizando este roteiro entramos de cheo nun non-lugar, nun territorio deixado das mans de deus que moitos lembramos vivo e alegre. Un lugar digno como todos os que hoxe puidemos descubriren compañía. Trala urbanización de Jenaro nos anos 90 do pasado século, esta Travesía quedou illada, pasto da pobreza mais absoluta que a non tardar mudará baixo unha marea de formigón. El Corazón del Sapo emprega unha metáfora que paga a pena traer hoxe acó: “la fabela desnuda, frente a los rascacielos que hacen bella la locura, la fabela desnuda, cuna y fin”.

Podedes ver algunhas imaxes do roterio na Galería de imaxes.