Mesa redonda en Coia: "Precariedade e exclusión"

O pasado sábado 12 de abril finalizaban as xornadas "A precariedade laboral e social hoxe" organizadas polas precarias cunha mesa redonda en Coia.

Xuntámonos ao redor de trinta persoas no que foi unha tarde de reflexión e diálogo que comezaron coa exposición da situación laboral de Pequeno; que traballa como teleoperador. Na súa exposición explicou clara e con numerosos exemplos como o sistema capitalista actúa nesta etapa: control e presión excesiva sobre os traballadores, temporalidade e precariedade dos contratos, externalización dos servizos, etc.

Logo disto Luis Cendón, membro do grupo Imán, presentounos ademais da súa experiencia persoal a de moitas persoas que viven nas rúas da nosa cidade sen que as administracións poñan remedio ao problema dos sen teito.

Xunto a estas experiencias as compañeiras Estrella e Perla, da asociación multicultural de mulleres, achegáronnos á realidade das persoas que veñen doutros países a traballar e a vivir nestas terras. No que ademais dos problemas para atopar traballos en condicións dignas, hai que engadir a dificultade para regularizar a situación, os problemas de vivenda, etc.

Logo disto expúsose o traballo desenvolvido polo servizo de información de dereitos sociais de Coia e compartimos tamén un rico diálogo sobre as posibilidades de loita neste sistema.